monologotipos-evolucion

Tipografía: Dejavu Sans Mono

En que momento deixou isto de ser gracioso, se é que algunha vez o foi? A idea orixinal era simple: elixir un tema, crear un logo e escribir uns cantos chistes sobre ese tema. En que momento se torceu? Eu tiña claro que non quería facer algo polémico nin transgresor, quería un sentido do humor tranquilo e reflexivo. E atópome, creo, con dous problemas: que o que me fai graza non creo que teña realmente graza, é algo así como “eu sei que non é gracioso pero a min faime graza” e o que si creo que pode ser gracioso, dáme vergoña escribilo, pero non sei se é porque considero que é unha patochada simplista (graciosa, si, pero patochada simplista á fin e ao cabo), ou porque non quero que se me tome por un simple patán. Que igual ese é o asunto en todos os casos: que son un simple patán pero non quero que todo o mundo o saiba. E que ten que ver todo isto coa evolución? Pois co que me pasa cada vez que fago algo: que o resultado final é “o de menos”. Si, si, xa o sei, todo iso de goza o camiño, a viaxe é o fin… pero non, hai algo máis. E é que creo que o resultado final non é totalmente auténtico porque pasou por demasiados filtros, os meus propios filtros: do que eu considero que se entende e que non se entende, se está ben fiado ou non está ben fiado, se hai unha coherencia ou non hai unha coherencia… cando a miña intención era facer algo máis orgánico, máis vivo.

Pois faino orgánico, non filtres, diredes. E dicides ben pero… pero é que tampouco lle vexo moito sentido a lanzar ideas, frases, situacións inconexas, con personaxes faltos de coherencia, inintelixibles… porque precisamente o reto é conseguir un texto, un gráfico, unha viñeta onde todo encaixe pero sen que estean todas as pezas. Igual debería comezar por facer quebracabezas con todas as pezas e con poucas pezas. Seguramente o meu problema sexa que non teño claro cales son as pezas fundamentais do quebracabezas e cales as accesorias. É como debuxar un triángulo enriba dun rectángulo e ao lado, outro triángulo enriba doutro rectángulo (algo que case todo o mundo interpretaría como dúas casas) e querer que haxa persoas que interpreten un como unha casa e outro como un sobre. Pois voulle poñer un cadrado arriba á esquerda ao sobre modo de selo. Pois iso pode confundirse cunha xanela. Por que non lle pos unha porta, ou unha cheminea, ou varias xanelas á casa? Ou unhas liñas a modo dirección ao sobre? E que aí está outro problema, creo que tamén teño medo a resultar obvio, intento seguramente con demasiados esforzos, aparentar un punto de vista orixinal e iso tamén fai confuso o resultado. E diredes, vale, o que ti queiras. Pero a evolución, non viñas falar da evolución?

A evolución, a evolución. Si, viña falar da evolución pero… non sei se teño moi claro que é evolucionar. Toda transformación é evolución? Existe a evolución negativa? Crecer entendido como aumentar de tamaño é evolucionar? E se ao evolucionar non nos adaptamos para vivir senón que nos preparamos para morrer? Todo apunta a que o ser humano se extinguirá e iso non debería ser ningún drama. O que si é un drama é que sexamos nós mesmos os que aceleremos o proceso. E o que sucede en realidade é que uns poucos están a malgastar o presente duns moitos e sacrificando o futuro de todos porque… non sei por que. De verdade que non o sei. Imaxinade que tedes unhas cervexas frías dentro dunha neveira que se acaba de estragar. Un amigo chegará dentro de 5 horas para axudarvos a mover uns mobles e tomar esas cervexas. Que fariades? Bebédesvos as cervexas antes de que se quenten sen que chegase o voso amigo? Tentades que un técnico veña un sábado para arranxar a neveira? Pedídeslle ao voso veciño se vos pode gardar as cervexas e dicídeslle que se una a vós máis tarde? Seguro que se vos ocorren máis opcións para que vós e o voso amigo poidades gozar desas cervexas frías. Haberá xente que non lle dea a máis mínima importancia ás cervexas e haberá xente que mataría ata ao seu amigo para ter máis cervexa despois de que este lle axudara. Si, si, estou a esaxerar pero xa me entendedes.

Ben, o que está a suceder no mundo é que a gran maioría decidiu centrarse nas cervexas e non en mover os mobles. Por non mencionar o feito de que existen os bares, que son uns sitios perfectos para ir cos amigos a tomarse unhas cervexas despois de mover os mobles. E cando te centras demasiado nas túas cervexas, non esperas por ninguén, non tentas facer nada por ninguén e non pides nada a ninguén. Todos nos estamos bebendo as cervexas sós. Pero non todos polos mesmos motivos: porque para pensar nas cervexas dun amigo, hai que ter amigos, para chamar a un técnico fai falta diñeiro, para pedirlle algo a un veciño hai que relacionarse con ese veciño. E entre os amigos, o diñeiro e os veciños, onde estamos a poñer o foco? Pois no diñeiro. Eu acórdome cando tiña 20 anos que non entendía a vida sen amigos nin vivir onde non estivesen os meus amigos; o diñeiro era necesario pero nunca se me ocorreu que tiña que acumulalo para nada, queríao para vivir; e os veciños… iso que é? E agora con 44 anos non penso o mesmo dos amigos, nin do diñeiro nin dos veciños. Evolucionei? Eu non o definiría así. Son mellor do que era aos 20 anos? Tampouco diría iso. Entón? Pois creo que o que pasa é que a opinión que un teña dos amigos, o diñeiro e os veciños, depende completamente de como son os teus amigos, do diñeiro que necesites e de se os veciños teñen nenos ou cans ou non. É broma, é broma. O dos veciños é algo bastante máis complexo do que a priori poida parecer. Vou ata a cambiar de parágrafo.

Os veciños. Que pasa cos veciños? Por que hai persoas que se levan estupendamente cos seus veciños vivan onde vivan e persoas que todo o contrario? Vóuvolo a contar: aquí a cuestión non son os veciños, son as persoas. Pero se todos os veciños son persoas, que bobada é esta? Xa, xa, xa… Digamos que hai que separar ao teu eu veciño do teu eu persoa. Se no teu mundo ideal como persoa, elixirías non ter veciños nun radio de, por exemplo, 1 km. nunca vas ser bo veciño, e se non es bo veciño nunca vas ser feliz vivindo con veciños. ISTO É UN GRAN PROBLEMA ao que non se lle dá a importancia que merece. O mundo sería un lugar mellor se todas as persoas que non queren ter veciños puidesen vivir sen veciños. E unha cousa máis, vou dicir, moitos se darían conta que non é tan marabilloso vivir sen veciños. E isto é un caso de “non teño probas pero tampouco dúbidas”. Estou a dicir que non se pode ser feliz sen veciños? Non. Estou a dicir que a maioría das persoas non serían felices vivindo soas aínda que elas pensen que si. Pero non ter veciños non é estar só. Xa, xa, xa… Vos direi unha cousa máis, un pouco si que é, pero iso é unha idea/opinión miña, que non pretendo que compartades porque ata eu son consciente de que é bastante posible que sexa unha idea equivocada.

A evolución, a evolución. A ver… por onde sigo? As persoas, os veciños, a comunidade, o barrio, a cidade… Cara a onde vos parece que evoluciona todo isto? Eu creo que cara a nada bo porque a sociedade que creamos funciona así (para a gran maioría): necesitas un traballo para gañar diñeiro para gastar diñeiro para que alguén acumule diñeiro. Con matices, pero é así. E a consecuencia é que o traballo se está concentrando cada vez máis en menos sitios; todos queremos/necesitamos vivir preto do traballo; non hai sitio para todos; uns viven mellor e outros viven peor. FIN. Isto é o que lle gustaría a uns poucos, pero a realidade non é exactamente así. Poida que para unhas poquísimas persoas sexa así, e consigan manter o seu status toda a súa vida, 80, 90 ou 100 anos. Pero de todos eses que vivimos peor, algúns tentarán vivir mellor, e conseguirano, están a conseguilo, e cambiarán as cousas. Poida que ti nin eu cheguemos a velo, pero cambiarán. Cal é o problema? Que isto é sempre así, as cousas cambian moi amodo e nunca deixarán de facelo, dalgunhas veremos o resultados pero doutras non. Creo que todos vivimos cunha certa esperanza de que o mundo cambie a mellor durante a nosa vida, temos como unha idea de que cando chegamos o mundo era así, e cando nos vaiamos será así, mellor. E isto ten dous problemas: un, non sabemos cando nos imos a ir, temos unha previsión; dous, é algo que aínda que estea a suceder, posiblemente non o vemos, e case seguramente non o gozamos. Pero é que as cousas son así e non poden ser doutra maneira neste caso: non hai forma de arranxar o mundo dunha forma concreta nin aínda que todos nos puxésemos de acordo no que queremos.

Vou tentar ir un pouco máis aló, e xa sabedes que cando eu vou máis aló non adoito ir a un sitio mellor… O ciclo da vida, é o que é: todas as persoas, absolutamente todas, que estaban vivas en 1850 están mortas. Non hai ninguén que dure no mundo máis de 150 anos. Pero imaxinemos que vivísemos eses 150 anos e dividámoslos en tres bloques. Que sucedería aquí? Que compartiriamos o noso primeiro bloque de 50 anos co segundo bloque de 50 anos doutras persoas e o terceiro bloque de 50 anos, e último, doutras persoas. Ben, os obxectivos de cada bloque son diferentes, todos pasamos polos mesmos bloques, pero non pasamos por eses bloques nas mesmas circunstancias. Consecuencias? Os nosos obxectivos no primeiro bloque non son os mesmos que os obxectivos dos que estaban no primeiro bloque 50 anos antes nin estarán 50 anos despois. E isto con todos os bloques. Que temos aquí, entón? UN CONFLITO. No monologotipo sobre a sociedade, dicíavos que a resolución dun conflito depende máis da pregunta que expós que da resposta que dás. Pois a pregunta aquí debería ser buscar o mellor e o máis xusto para os 150 anos no seu conxunto, aceptando o que queriamos no primeiro bloque cando estamos no terceiro bloque e sexan outros quen o goce. E isto non o conseguiremos xamais porque non somos bos manexando longos períodos de tempo.

A evolución, a evolución… A evolución non existe! Polo menos no noso caso. O que facemos é transformar unhas cousas cando estamos nun dos bloques para volver transformalas cando estamos no seguinte e o mesmo cando estamos no último e definitivo bloque de 50 anos. Pero é que ademais, hai algo que o complica todo un pouco máis, e é o feito de que o tempo de vida non é o único factor influente, tamén o son as túas circunstancias nese tempo de vida, que non son iguais para todos nin nunca o serán porque é imposible. Alguén lle ve sentido a un mundo no que todos sexamos avogados… ou deseñadores… ou médicos… ou poña aquí calquera profesión? Non ten sentido. Beeeeen, vou ir outra vez un pouco máis aló. Si hai algunha profesión que si ten sentido que exerzamos todos: agricultor e/o gandeiro. E nalgún momento case foi así, basicamente porque se non morrías. Se non comes, morres. E para poder comer, necesitas algo que comer. O problema é que sempre, dende o comezo dos tempos, houbo quen non deu pau á auga. E foron precisamente eses, os que tomaron as decisións que afectan á vida de todos os demais. Porque para poder estar sen facer nada, alguén ten que facer algo máis que o que lle corresponde. E isto é o que non pode ser e estamos a permitir nesta nosa inexistente evolución.

Fagamos outro exercicio de imaxinación. Imaxinemos que entre todos decidimos algo así: a ver, somos 8000 millóns camiño dos 9000 millóns. Temos tanta superficie de auga, tanta de selvas, bosques e prados… Canta superficie é necesaria para construír 10000 millóns de vivendas iguais coa súa pequena parcela de plantación? Pois tanta. Canto tempo nos levaría? Pois tanto. Pois pongámonos a iso. Todos de acordo? Creo que todos sabemos a resposta a esta pregunta. Pero sabemos se nunha votación de maioría simple, gañaría o si ou o non? Que credes? Pensádeo ben, se queredes, reflexionade, malditos. Eu non vou dicir o que creo. Pero si direi outra cousa, dicía antes que a evolución non existe, pero a cousa non é exactamente así. Non existe a evolución que todos temos un pouco na cabeza: unha que empeza aquí e así, e “termina” alá e asá, e na que as cousas AVANZAN: máis coñecemento e máis saúde, que son os factores crave do ser humano como especie. A nosa evolución é un dos maiores exercicios de improvisación da natureza. E o máis gracioso, que igual non é gracioso pero a min faime graza, é que improvisamos sobre uns feitos que nós mesmos creamos pensando que sempre atoparemos unha solución, outra solución. Pero non sempre vai haber unha solución. E isto é gracioso porque é verdade. O sol traerá a soidade. E iso tamén é evolución.

A evolución non nos ten en conta e nós non temos en conta á evolución porque non somos capaces de asimilala polo espazo de tempo que estamos vivos e polo tempo que ten e terá o espazo. Coñecedes a película A miña vida sen min? Imaxinade que todos vivísemos unha especie de “O meu mundo sen min” e actuásemos e nos comportásemos de xeito que cando non esteamos todo quede ben, todo o ben que poida estar o mundo sen nós, e sendo plenamente conscientes de que somos valiosos grazas ás persoas que comparten o mundo precisamente agora connosco, estean no primeiro bloque ou no último, nesta circunstancia ou naquela outra… Imaxinade, imaxinade, malditos… e poñédevos protector solar.

mifracaso-monologotipos